Camariñas acollerá a primeira Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT

2 minutes read

Os clubs ciclistas O Toxo (Noia), Os Esfola Arrós (Ames) e Baikers do Vilán (Camariñas), en colaboración cos Concellos de Noia, Ames e Camariñas, organizan a primeira edición da Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT, que terá lugar o 26 de xaneiro (Noia), o 2 de febreiro (Ames) e o 16 de febreiro (Camariñas). As tres probas rexeranse por un mesmo regulamento, contarán cun máximo de 400 prazas dispoñibles e as inscricións poderán formalizarse en www.magmasports.es. O custe da inscrición é de 15 € por participante individual, 24 € para as persoas que participen en parella e 30 € para as que o fagan en tríos.  

A nova Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT foi presentada no salón de plenos noiés polos concelleiros de Deportes de Noia, Laura Salgado; Ames, Susana Señorís; e Camariñas, Fabián Canosa; que estiveron acompañados por Miguel Mato, presidente do CPC O Toxo; José Losada, membro da xunta directiva do club ciclista Os Esfola Arrós; e Pedro Romar, membro da directiva do club Baikers do Vilán.  

O concelleiro de Deportes de Camariñas, Fabián Canosa, considera que se trata dunha “boa oportunidade para xuntar varios concellos e que isto sexa o inicio dunha liga que sexa importante en Galicia”, polo que augurou “un mes intenso de probas BTT nas que agardo que haxa moitos participantes e que sexa o inicio de algo importante e con continuidade”.  

 O Circuíto da Camariña terá lugar o domingo 16 de febreiro, ao longo dunha senda peonil dende a vila de Camariñas e o faro de Cabo Vilán. Unha cita na que, ademais dos premios propios do circuíto, tamén se fará entrega dos premios aos mellores clasificados nas tres probas das que consta a Liga Galaica de 3 horas de Resistencia BTT. A Liga conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través de Deporte Galego, da Deputación Provincial da Coruña e de Rótulos Orixinal Imaxe.