Camariñas aproba a Ordenanza para a tenencia responsable de animais de compañía

1 minutes read

O Concello de Camariñas aprobou inicialmente a Ordenanza municipal para a defensa, protección, benestar e tenencia responsable de animais de compañía. Deste xeito a persoa propietaria dun animal é responsable da súa protección e benestar, tendo a obriga de facilitarlle alimentos e auga, proporcionarlle aloxamento suficiente, cómodo e seguro; sometelo a revisións veterinarias precisas e prestarlle todos aqueles tratamentos veterinarios preventivos, paliativos ou de curación que sexan precisos; proporcionarlles o necesario exercicio físico e descanso, así como unha contorna libre de tensión, medo e sufrimento.

Con esta Ordenanza queda prohibido maltratar aos animais, abandonalos e utilizar calquera mecanismo ou utensilio que, destinado a limitar ou impedir a mobilidade do animal, lles produzan dor, sufrimento ou tensións innecesarias. Tamén a negación a proporcionarlles auga ou alimento suficiente, o non mantemento das súas condicións hixiénico-sanitarias pertinentes, alimentar aos animais vagabundos ou extraviados nas vías públicas sen contar coa correspondente autorización municipal, ou o emprego de calquera tipo de produtos ou substancias farmacolóxicas para modificar o seu comportamento natural.Prohíbese levar soltos nas vías públicas aos cans e demais animais domésticos os cales deben ir provistos de correa e colar, ou outro elemento de retención, excepto naqueles lugares nos que se permita que transiten en liberdade e, en todo caso, baixo o control e responsabilidade dos posuidores ou posuidoras daqueles, tal e como se establece na Ordenanza.

Duras sancións

Este texto recolle as sancións administrativas tipificadas como leves, graves e moi graves, que van desde a sanción económica de 100 ata os 30.000 euros.