Camariñas aproba no Pleno destinar 100.000 euros ao SAF

1 minutes read
  • O Plan provincial supón unha axuda para o Concello de Camariñas de 406.800,89 euros

Este venres celebrouse en Camariñas un pleno ordinario no que se aprobou, por unanimidade, o Plan Único Adicional 1/2021 da Deputación Provincial da Coruña polo que se destinarán 100.000 euros ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O Plan provincial supón nesta ocasión unha axuda para o Concello de Camariñas de 406.800,89 euros.

Tamén se aprobou o Plan Único 2021, cos votos a favor do PSOE e a abstención de PP e BNG, que inclúe 268.638,97 euros para o pago a provedores e 38.968,75 euros para reducir a débeda coas entidades bancarias.

O Plan Único Complementario, valorado en total en 289.081,54 euros, destinarase a varios proxectos como a mellora e acondicionamento das rúas Rozas e Rucheira en Arou; a reparación do pavimento na rúa Virxe do Monte de Camariñas e a reordenación do espazo público destinado á creación do parque infantil de Xaviña.

Por outra banda, deuse luz verde por unanimidade á concesión dunha subvención nominativa de 5.000 euros ao Clube Balonmán Camariñas; e aprobouse, cos votos a favor do PSOE e a abstención do PP e BNG, un recoñecemento extraxudicial de crédito de 444.444,74 euros para o pago de facturas pendentes a provedores.