O Concello de Camariñas mantén en marcha, con gran éxito de participación, «O enxoval da memoria«, unha iniciativa que ten como obxectivo coñecer e recuperar diferentes manifestacións culturais por medio do relato das persoas maiores.
O programa, que se fai a modo de concurso, realízase de xeito virtual por medio da gravación de vídeos por parte dos participantes. Valoranse, exclusivamente, as gravacións en vídeo das vivencias persoais relacionadas con esta festividade atendendo, entre outros aspectos, a como se celebraba o Entroido e como se vive agora; ditos e bromas típicas ou receitas de cociña. Tamén se terá en consideración a achega de material gráfico como fotografías ou folletos sobre o Entroido que complementen o relato oral.
Repartiranse un total de 900 euros en premios, divididos en: 300 euros para a mellor produción de vídeo, 100 euros para os cinco primeiros vídeos enviados, e unha cesta de Entroido valorada en 100 euros entre todos os participantes.
As persoas interesadas en participar deberán enviar ao departamento de cultura do Concello de Camariñas as gravacións xunto coa solicitude de participación. O prazo rematará o 28 de febreiro.