Camariñas informa das obrigas de limpeza e xestión da biomasa nas parcelas

1 minutes read

O Concello de Camariñas está a informar aos propietarios das súas obrigas de limpeza e xestión da biomasa nas súas parcelas. Faino a través do recentemente estreado Servizo de Planificación e Prevención de Incendios Forestais para o que contratou en xullo a un enxeñeiro forestal subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo dentro do programa Aprol Rural.  

A finalidade deste servizo é conseguir a protección dos veciños fronte aos incendios forestais e mellorar as condicións de seguridade e salubridade, para o cal é preciso a xestión da biomasa arredor das vivendas que conforman os núcleos de poboación, así como dentro dos propios núcleos.  

O técnico xa realizou visitas ós emprazamentos afectados atendendo as queixas que se tiñan presentado no rexistro do concello, poñéndose en contacto, sempre que se facilitasen os datos correspondentes, cos propietarios que manifestaron a súa inseguridade fronte ós incendios. A finais de mes espérase rematar coas visitas pertinentes.  

As notificacións da obriga de limpeza das inspeccións realizadas xa foron enviadas e parte dos propietarios das parcelas puxéronse en contacto para informarse sobre a situación e o procedemento a seguir. Aquelas infrutuosas ou con propietarios descoñecidos, unha vez se corrobore a persistencia do incumprimento, serán expedientadas e unha vez notificadas no Diario Oficial de Galicia, procederase á execución subsidiaria con cargo á propiedade, sen prexuízo da sanción correspondente.