- No pleno tamén se aprobou o desconto dun 50% sobre o IBI para ás familias numerosas do municipio
Este xoves, ás 10 da mañá, celebrouse en Camariñas un pleno extraordinario onde foi aprobada a modificación da ordenanza fiscal que regula a taxa dos servizos de redes de sumidoiros cos votos a favor do PSOE. O BNG e o PP votaron en contra. O obxectivo deste cambio é equilibrar a táboa de ingresos e gastos pois, segundo a alcaldesa, Sandra Ínsua, «o custo do servizo incrementouse moito polo establecemento das depuradoras».
Con esta modificación só se incrementará en 9 euros o primeiro epígrafe desta taxa, que afecta ás vivendas unifamiliares e pisos vivenda. Mantéñense igual as cotas para o resto de comercios e locais.
No pleno tamén se aprobou a modificación da ordenanza fiscal do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) cos votos a favor do PSOE e PP, e a abstención do BNG. O goberno local propuxo modificar a ordenanza do IBI para as familias numerosas do municipio debido a que non se contemplaba ningunha bonificación para elas, e tamén para poder afrontar mellor eta situación económica e social .
Co novo texto aplicarase unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto a favor daqueles suxeitos que ostenten a condición de titulares de familia numerosa, e sempre e cando os bens sobre os que se pretenda aplicar a bonificación non teñan un valor catastral superior ós 100.000 euros.