Os Concellos de Camariñas, Muxía e Vimianzo conseguiron unha subvención de 369.492,32 euros para levar a cabo o programa de emprego ‘Xuventude polo emprego’, que permitirá formar a 16 mozos e mozas incluídos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.
Os rexedores dos tres municipios; Mónica Rodríguez, Sandra Insua e Iago Toba; decidiron unir forzas co obxectivo de fomentar o emprego, aumentar a inserción laboral e mellorar as capacidades dos seus veciños e veciñas. Para iso, a través das súas respectivas Axencias de Desenvolvemento Local, elaboraron as candidaturas para obter tres subvencións das que puidesen beneficiarse os tres municipios: Camariñas era a administración promotora da solicitude para realizar un Plan Integral de Emprego, Muxía encabezaba un programa formativo cun rango de idade máis amplo e Vimianzo era a entidade promotora do obradoiro ‘Xuventude polo emprego’, que acaba de ser concedido. Aínda non se comunicou a resolución dos dous restantes.