Camariñas prepárase para dar inicio á II edición da Mostra do Encaixe Virtual

2 minutes read
  • Do 29 marzo ao 4 de abril, o encaixe de Camariñas volverá a brillar a través de produtos artesáns, de música e do desfile de Jóvenes Diseñadores

A segunda edición virtual da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña porase en marchar este luns, 29 de marzo, con algunhas novidades. Este ano o seu funcionamento centrarase na comercialización do encaixe e na publicación das coleccións do certame de Jóvenes Diseñadores en diferentes enclaves turísticos do municipio. A inauguración correrá a cargo da alcaldesa, Sandra Ínsua, e do presidente da Deputación, Valentín González Formoso. Paralelamente, o Museo do Encaixe acollerá ás 12:00 horas a presentación dun cupón da Once coa imaxe da XXX Mostra.

Desde este martes e ata o domingo 4 de abril, os postos participantes ofrecerán a través de Facebook unha serie de produtos con encaixe que contarán con ofertas especiais nesas datas. Por outra banda, tamén se publicarán varios vídeos de cada colección do XXVII certame de Jóvenes Diseñadores. Moitas destas pezas audiovisuais foron gravadas por alumnos de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña (UDC) en diferentes localizacións do municipio e con modelos locais como protagonistas. Tamén terán o seu propio espazo, entre outros, as palilleiras, as nenas das escolas de palillo ou o voluntariado.

O mércores 31 de marzo inaugurarase na praza da Insuela a exposición ‘Palilleiras: presente e futuro’. As fotografías dos 22 tótems que se instalarán forman parte dun proxecto realizado en decembro de 2019 pola fotógrafa Ana García. Está previsto que esta exposición permaneza na praza ata o mes de outubro.

A clausura correrá a cargo da directora e da concelleira da Mostra, Dolores Lema e Encarna Liñeiro, respectivamente. Ademais, tamén haberá espazo para a música grazas ao Grupo Jaque, que interpretará unha versión propia da coñecida canción ‘Camariñas’.

Para ir abrindo boca, e como antesala do evento, o domingo 28 de marzo publicarase o proxecto ‘Ruth Matilda, A Costa da Morte’, obra do camariñán Víctor Fernández Alves. A través de dúas publicacións recompilará algunhas das fotografías que Ruth Matilda Anderson fixo durante a súa visita a Camariñas hai case 100 anos e nas que mostra aquelas palilleiras que traballaban nas rúas e nas casas.

A Mostra poderá seguirse a través das propias redes sociais do evento, principalmente de Facebook.