Camariñas promociónase como a raíña do Camiño dos Faros

1 minutes read
  • Polo municipio transcorren un total de tres das nove etapas deste roteiro, atopándose algunhas das máis valoradas polos visitantes.

A marquesiña situada no paseo marítimo da vila de Camariñas loce desde este martes cun novo vinilo a modo de panel informativo co obxectivo de promocionar o lugar como Etapa Raíña do Camiño dos Faros.

O vinilo inclúe un mapa en grande onde se atopan as etapas 4, 5 e 6 do Camiño, as que transcorren polo municipio, que son ademais algunhas das máis valoradas polos visitantes pola súa beleza paisaxística e os lugares emblemáticos que atravesan como o Faro Vilán, Camelle e o Museo Man, o Cemiterio dos Ingleses ou as praias de Reira e Lobeiras. «Son as etapas raíña do Camiño dos Faros», afirma a alcaldesa, Sandra Ínsua, quen destaca que as condicións naturais que posúe o municipio son «ideais» para o turismo slow ou de actividades ao aire libre.

O Camiño dos Faros é unha ruta dividida en oito etapas que se estende por máis de 200 quilómetros de costa. Pola vila camariñá transcorre a etapa 4, que remata en Laxe; a 5, que atravesa Camariñas na súa totalidade; e a etapa 6, que empeza na propia vila do encaixe e pasa por Xaviña e Ponte do Porto para rematar en Muxía.

Camariñas Explora

O panel tamén contén un código QR que redirecciona a Camariñas Explora, a aplicación do Concello que contén información sobre as diferentes rutas sinalizadas do municipio. Nesta app pódense atopar 20 rutas diferentes que suman en total 220 quilómetros e que están dirixidas a diferentes tipos de usuarios e afeccionados de modalidades como o sendeirismo, o running ou o ciclismo.