- Esta pintura, realizada por Mutante Creativo, forma parte dunha iniciativa municipal para celebrar o 8M
O Concello de Camariñas celebra o 8M non só cunha homenaxe a todas as mulleres en xeral, senón poñendo o foco nos valores dos principais oficios das mulleres da zona a través dun mural no CEIP Ponte do Porto co obxectivo de empoderar o seu papel na sociedade. Na pintura, realizada por Mutante Creativo, aparecen seis retratos nos que se reflicten profesións do sector primario e tamén as vencelladas á ciencia ou á cultura.
A iniciativa forma parte das actividades que está a desenvolver o equipo de goberno local para conmemorar o Día da Muller.
A creación en si componse de dous trinomios. No bloque da esquerda atópanse a labrega, a mariscadora e a astrofísica; mentres que o da dereita contén os retratos dunha palilleira, unha redeira e unha bióloga molecular.