A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística ( AFNL) presentou a campaña “Eu declaro [a renda] en galego. É lóxico. Por dereito”, aproveitando que a declaración da renda comeza este 2 de abril. Dende a asociación destacan que «este é un xesto sinxelo e inmediato pero, ao mesmo tempo, de elevada importancia», pois por unha banda promóvense os dereitos que xa están recoñecidos en distintas normativas e, doutra banda, é unha mensaxe para a Administración estatal para que corrixa esta situación, cualificada pola AFNL como «inxusta».
A día de hoxe e a pesares do recoñecemento normativo, o galego non é unha opción dispoñible en aplicacións informáticas coma a de Tráfico, a da Axencia Tributaria ou a da Seguridade Social.
A Asociación de Funcionarios tamén destaca que o Defensor do Pobo xa puxo en marcha unha investigación de oficio ante a Administración Tributaria pola «reiterada inobservancia da cooficialidade lingüística», xa que non se trata dunha opción administrativa, senón dunha suxeición para a Administración.