Campaña día 10 | As enquisas en prensa marcan o derradeiro domingo de campaña

2 minutes read

Tan só queda unha semana para as eleccións do 12-X e este domingo a prensa escrita ofrecía ata cinco enquisas que coinciden en moitos puntos. A maioría absoluta do PP, a porta aberta a que o BNG supere ao PSdG, e a ausencia no vindeiro parlamento da Marea Galeguista, Ciudadanos e Vox. Repasamos as mensaxes das formacións nas últimas horas, varias delas baseadas neses inquéritos.

Partido Popular
Alberto Núñez Feijóo participou nun acto sectorial de pesca en Santiago e tamén visitou Vilagarcía. Feijóo chamou a mobilizarse masivamente e ir votar porque segundo dixo “a abstención e darlle a victoria ao multipartito e derrotar ás maiorías”. Feijóo quere ser de novo presidente porque será “parte da solución aos problemas sen sectarismos”. Con Feijóo estivo o eurodeputado Esteban González-Pons, que dixo que “ante a treboada que vén máis vale un capitán experimentado”.

PSdeG – PSOE
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, acompañou en Vigo e O Carballiño ao candidato socialista, Gonzalo Caballero. Caballero confía en darlle a volta ás enquisas nesta última semana “porque o electorado progresista mobilzarase nos próximos días”. O candidato dixo que “para gañar o futuro Galicia ten que apostar pola industrialización e a dixitalización”.

BNG
A candidata nacionalista, Ana Pontón, estivo en Ferrol. Alí chamou a non facer caso ás enquisas. Pontón fixo un chamamento á mobilización desa maioría social que quere deixar atrás once anos de decadencia e inmobilismo e salientou que Galiza precisa un goberno que non se limite a facer promesas que nunca chegan a nada.

Galicia en Común
Pablo Iglesias tomou a palabra na caravana electoral de Galicia en Común. O vicepresidente apoiou ao seu candidato, Antón Gómez-Reino e acusou a Casado e Feijóo de utilizar as eleccións galegas “como trampolín para Madrid”.

Marea Galeguista
O candidato da Marea Galeguista, Pancho Casal, visitou A Coruña e a feira de Padrón. Dende alí dixo que a súa formación foi unha das que apoiou este mes de xullo como data para as eleccións pero lamentou que a Xunta aínda non dera conta do protocolo de actuación ante rebrotes da Covid-19. Casal dixo que Feijóo “non está garantindo o dereito ao sufraxio universal”. O candidato amosouse optimista aínda que as enquisas deste domingo non lle dan representación á súa formación.

Ciudadanos
A cabeza de lista de Ciudadanos, Beatriz Pino, visitou unha adega en Lugo, dende onde lle restou importancia ás enquisas que non lle outorgan representación e dixo estar convencida de que Ciudadanos “estará no Pazo do Hórreo e no goberno galego”.

Vox
O líder nacional de Vox, Santiago Abascal recordou dende Ribeira os resultados da súa formación nas eleccións andaluzas e nas xerais e chamou a non facer caso das enquisas.