Campaña día 11 | Feijóo axita o medo a dividir o voto, Adriana Lastra arroupa a Caballero e Pontón presume de Pontevedra

2 minutes read

Novo diario de campaña camiño do 12-X. Nas últimas horas as mensaxes foron variadas, moitas delas centradas no brote de Covid-19 en A Mariña e con demanda de medidas por parte dos aspirantes. Todo nun día no que a política madrileña trouxo a Adriana Lastra, Feijóo lembrouse dos votantes de Vox e Ciudadanos, e Pontón fixo acto de presenza no feudo nacionalista por excelencia.

Partido Popular
O candidato á reelección polo Partido Popular visitou Ferrol e Vilalba. Alberto Núñez Feijóo pediu o sufraxio aos votantes de Vox, Ciudadanos e mesmo do PSdeG – PSOE. Segundo Feijóo “non hai que dar nada por feito porque aínda non hai ningunha papeleta nas urnas”. Feijóo pediu o voto por unha Xunta “con capacidade de xestión e de decisión porque a pandemia segue aí e non hai tempo que perder”. Segundo o candidato, o domingo teñen que elixir entre “apostar por un goberno con respostas coordinadas ou a desorganización dun multipartito”.

PSdeG – PSOE
A voceira do PSOE no Congreso, Adriana Lastra, acompañou ao candidato socialista, Gonzalo Caballero, nun acto en Ferrol. Lastra pediu o voto para Caballero “como mellor opción para Galicia”. Gonzalo Caballero falou da “necesidade de deixar atrás 11 anos en branco e negro”. O líder socialista demandoulle á Consellería de Sanidade que dea solucións ao brote de A Mariña. Este martes Carmen Calvo unirase á comitiva socialista.

BNG
A candidata nacionalista, Ana Pontón, deuse un baño de masas nun feudo nacionalista como Pontevedra. Pontón veuse arriba ante os berros de “presidenta”, nun concello, o do Lérez, que puxo como exemplo de xestión do BNG para trasladalo á Xunta.

Galicia en Común
Na localidade coruñesa de Teo, os candidatos confluíntes, Antón Gómez-Reino e Martiño Noriega, demandaron á Xunta que se dean en A Mariña as garantías para que sexa posible votar.

Marea Galeguista
A caravana da Marea Galeguista fixo parada en Pontevedra. Pancho Casal mantivo unha xuntanza en Bueu con veciños de Ons. Casal demandou se respecte a propiedade das súas vivendas. Segundo Casal “respectar á veciñanza é respectar o valor da illa”. O candidato levou o rebrote de A Mariña ante a Xunta Electoral para que decida se hai que suspender as eleccións nos concellos afectados. Casal acusou á Xunta de improvisar e non ter un protocolo de actuación.

Ciudadanos
A cabeza de lista de Ciudadanos, Beatriz Pino, estivo acompañada en Lugo polo vicepresidente de Castela e León, Francisco Igea. Pino dixo que a súa formación representa “unha política útil centrada en resolver os problemas da xente”.

Vox
A número 1 de Vox por Lugo, Sonia Teijeiro, propuxo menos impostos, máis seguridade para as familias e unha subida dun 20% do salario dos sanitarios.