Campaña día 13 | A esquerda loita por repetir os resultados das xerais e municipais

3 minutes read

Últimas 48 horas de campaña electoral camiño do 12-X. As comitivas electorais contan con caras coñecidas do panorama nacional para pedir o voto. Por Galicia pasaron este mércores Salvador Illa, Pablo Iglesias, Santiago Abascal e Rocío Monasterio. Aquí, o diario de campaña.

Partido Popular
O candidato á reelección polo PP galego celebrou actos en Marín e Ourense. Alberto Núñez Feijóo fixo de novo un chamamento a votar masivamente, convencido segundo dixo que “a campaña do medo da oposición será un fracaso”. Feijóo propúxose como o voto seguro “para afrontar as incertezas da situación actual”. O candidato comparou a cita electoral coa selectividade que afrontan os mozos estes días para que “coa mesma responsabilidade Galicia elixa o seu futuro nas urnas”. A Conselleira do Mar, Rosa Quintana deu un mitin en Muxía, acompañada pola portavoz local do PP, Sandra Vilela e varios membros da candidatura popular na Costa da Morte.

PSdeG – PSOE
Pasou por segunda vez nesta campaña electoral por Galicia o ministro de Sanidade, Salvador Illa. Este mércores arroupou ao candidato do PSdG, Gonzalo Caballero, en Vigo e A Coruña. Illa demandou o voto para Caballero, ao que presentou como” unha garantía da sanidade universal”. Caballero fixo de novo un chamamento á confianza ás persoas que votaron  ao PSOE o pasado ano nas eleccións xerais e municipais. Varios candidatos e alcaldes socialistas da Costa da Morte mantiveron un encontro en Vimianzo, onde criticaron as políticas da Xunta coa zona, onde só invirte a Deputación da Coruña, matizaron.

BNG
A candidata nacionalista á Xunta, Ana Pontón, presentou en Compostela as liñas estratéxicas do seu programa de goberno con novas ideas e  con especial prioridade para a saída da crise sanitaria, e para a reconstrucción unha Galicia “máis xusta no social, máis viva no económico, forte no autogoberno e que defenda os intereses dos galegos e as galegas”. Pontón tamén celebrou un acto en Ourense. O deputado no Parlamento español, Nestor Rego, estivo na comarca de Bergantiños co tecido empresarial da zona, acompañado dos membros da candidatura nacionalista pola zona.

Galicia en Común
O vicepresidente Pablo Iglesias visitou por segunda vez Galicia nesta campaña electoral para apoiar ao candidato do rupturismo, Antón Gómez-Reino. Ámbolos dous estiveron en A Coruña. Iglesias pediu “un voto de confianza” aos que algún día votaron á esquerda confluínte.

Marea Galeguista
A caravana electoral da Marea Galeguista fixo parada nas últimas horas en Cambados. O candidato, Pancho Casal, tamén mantivo unha xuntanza co comité de Navantia. Segundo Casal, “o futuro do desenvolvemento das empresas galegas pasa polo cooperativismo”. Pancho Casal propuxo que parte dos fondos europeos para a reconstrucción que cheguen a Galicia sirvan tamén para fomentar o cooperativismo. O candidato amosouse confiado en que a súa formación obteña representación nas eleccións do domingo. O candidato e secretario local de Xuntos Carballo, Xesús Deus Gende mantivo xuntanzas con representantes do colectivo de vendedores/as ambulantes da Coruña e Ourense.

Ciudadanos
A candidata de Ciudadanos pasou por Vilagarcía e A Coruña. Antes de visitar unha batea, Beatriz Pino comprometeu o saneamento das rías e a posta en marcha dun plan de acuicultura.

Vox
O líder nacional de Vox, Santiago Abascal, volveu á caravana electoral da ultradereita para celebrar un acto en Vigo. En A Coruña, a deputada na Asemblea de Madrid, Rocío Monasterio, apoiou tamén ao seu candidato. Monasterio reclamou unha maior protección da propiedade privada.