O primeiro domingo de campaña electoral cara aos comicios do 12-X trouxo un novo día de actividade das caravanas electorais das distintas formacións. Salientou a presenza da Ministra de Economía, Nadia Calviño, acompañando ao candidato socialista, nun domingo no que Ana Pontón non demandou o voto a pé de rúa. Os líderes preparan xa o debate a 7 que organiza a CRTVG este luns. Repasamos o percorrido dominical dos principais partidos.
Partido Popular
O candidato do PP á reelección, Alberto Núñez Feijóo, visitou este domingo Arteixo e unha gandería no concello de Trazo. Núñez Feijóo apelou a afrontar as dificultades que veñen cunha nova maioría absoluta. Segundo o candidato popular, “toca recuperarse no económico e no social, para o que ofrezo confianza, certezas e xestión”. Feijóo dixo que o primeiro é “protexer a saúde dos cidadáns, e que volva haber emprego sen siglas nin partidos que antepoñer”. O candidato dedicou tamén parte do domingo a preparar o debate deste luns na CRTVG.
PSdG – PSOE
Os socialistas galegos consideran que é precisa unha alta participación para que Gonzalo Caballero chegue a presidente da Xunta. Este domingo, o líder dos socialistas galegos pedía en A Coruña “que ningún progresista quede na casa sen votar”. Acompañando a Gonzalo Caballero estivo a Ministra de Economía, Nadia Calviño, que animaba aos que votaron hai un ano a Pedro Sánchez fágano desta volta por Caballero. Ademáis de A Coruña, os socialistas visitaron Betanzos e Vilaboa.
BNG
O BNG reivindicou este domingo a Castelao no 84 aniversario do Estatuto de Autonomía en Compostela. O deputado no Congreso Néstor Rego, estivo acompañado polo cabeza de cartel da formación por A Coruña e polo escritor Suso de Toro.
Galicia en Común
O candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, presentou este domingo a candidatura da coalición en A Coruña no que a chuvia deslucíu o acto. Aínda así, o compromiso no Día do Orgullo quedou claro a prol dos dereitos afectivos e sexuais.
Marea Galeguista
O núcleo da Marea Galeguista desprazouse este domingo ata Pontevedra para conmemorar o 84 aniversario do Estatuto de Autonomía de 1936 reivindicando o carácter nacional de Galicia. Fixoo a carón do busto de Alexandre Bóveda, na praza Curros Enriquez. Segundo o candidato á Xunta, Pancho Casal “fai falla unha Carta Magna para blindar os dereitos dos galegos”. Casal tamén aproveitou para facer un chamamento aos galegos que aínda non teñen decidido o seu voto.
Ciudadanos
A candidata de Ciudadanos á Xunta, Beatriz Pino, visitou este domingo en O Porriño a caravana ciclista pola igualdade co gallo do Día do Orgullo. Acompañada polos ciclistas Alvaro Pino e Óscar Pereiro, a candidata laranxa reivindicou a liberdade, a diversidade e o apoio do seu partido ao colectivo LGTBI.
Vox
A formación VOX estivo este domingo en Ferrol e Monforte. Nas Terras de Lemos falou un dos líderes estatais, Javier Ortega-Smith, que dixo que “Feijóo utiliza os votos dos galegos conservadores para facer políticas nacionalistas”. Propuxo tamén cambiarlles o nome ás Medallas Castelao. Ortega-Smith tildou a Castelao de racista, nacionalista e xenófobo.