Campaña día 5 | Os candidatos seguen pedindo o voto entre fieis

2 minutes read

Este martes volveron á estrada as caravanas electorais das diferentes formacións que concorren ás eleccións do 12-X. Resumimos o fundamental da xornada formación a formación.

Partido Popular
O candidato do PPdeG á reelección visitou este martes as localidades de Cenlle, Vigo, Ponteareas, Cangas e Ribeira. Núñez Feijóo presentouse en Cangas  coma o candidato «das certezas, a confianza, a estabilidade e a xestión». Recalcou que fronte aos demáis partidos, que no debate da CRTVG «só souberon falar de Feijóo», ten claras as súas prioridades con Galicia e o benestar dos galegos. Segundo o candidato popular, «hai que ir votar porque ao PP non lle abonda con gañar».

PSdG – PSOE
A caravana electoral dos socialistas celebrou este martes un acto en Culleredo. Gonzalo Caballero dixo que «os galegos queren unha Galicia diferente» e amosouse convencido de que se reflectirá o 12 de xullo nas urnas. O líder do PSdG insistiu en destinar máis cartos aos servizos sociais, sanidade e educación, onde prometeu libros de balde. Este mércores, Gonzalo Caballero estará acompañado polo ministro de Ciencia e Tecnoloxía, Pedro Duque.

BNG
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón participou este martes nun ateigado acto na localidade pontevedresa de Soutomaior. Pontón fixo un chamamento á mocidade para «pararlle os pés ao Partido Popular con solidaridade e compromiso». Este mércores terá un acto en Carballo ás 20:30 horas.

Galicia en Común
As proximidades da ría do Burgo acolleron o acto principal de Galicia en Común este martes. Antón Gómez-Reino estivo acompañado por Luca Chao. Chamaron á participación para ter un goberno «que non deixe a ninguén atrás».

Marea Galeguista
O líder da Marea Galeguista, Pancho Casal, mantivo unha xuntanza este martes en A Coruña co comité de empresa de Alu Ibérica co que defendeu unha intervención temporal da factoría. Casal amosouse «satisfeito e preocupado» logo do debate porque «nin o PP nin as forzas de esquerdas respostaron ás miñas propostas». Este mércores a Marea Galeguista desprázase ata Lugo e Monforte de Lemos.

Ciudadanos
A cabeza de cartel de Ciudadanos, Beatriz Pino, participou este martes nun almorzo informativo no que afirmou que loitará por un goberno «que resolva os problemas dos traballadores con capacidade de xestión e que faga política útil».

Vox
A formación Vox centrou en Pontevedra os seus actos deste martes. O seu número 1 por esta provincia, Antonio Ramilo, dixo que «fronte aos que desprezan a VOX, este é o único voto útil para Galicia».