Campaña día 7 | Illa e Monedero tamén empuxan nas eleccións galegas

2 minutes read

Novo día de campaña electoral este xoves, camiño do 12-X. E un día máis, desembarco da política estatal nas nosas vilas. O ministro Illa e Juan Carlos Monedero acompañaron aos seus respectivos candidatos. Repasamos as mensaxes do día formación a formación.

Partido Popular
O candidato a reelección polo Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, visitou os concellos pontevedreses de Nigrán, Redondela e Cambados ademáis do coruñés de Teo. Feijóo fixo un chamamento ao voto dos maiores e pediu o voto polos seus cinco compromisos, segundo dixo, os maiores, a mocidade, as familias, a solidaridade e a saúde. Feijóo presumiu de investimentos na sanidade pública, da que dixo, pasou o test de estrés da pandemia.

PSdeG – PSOE
Gonzalo Caballero estivo acompañado polo ministro de Sanidade, Salvador Illa en Lugo e Compostela. Caballero pediu o voto asegurando que é a mellor opción para saír da crise económica e sanitaria. Este venres o ex presidente José Luis Rodríguez Zapatero formará parte da caravana socialista.

BNG
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, fixo parada en Tomiño, concello do BNG, que lle deu unha calurosa acollida nunha praza que quedou pequena.

Galicia en Común

Vilagarcía acolleu o mítin máis numeroso do que vai de campaña para Galicia en Común. Gómez-Reino estivo acompañado por Juan Carlos Monedero. Reivindicaron a coalición como opción de futuro fronte ao PP.

Marea Galeguista

O cabeza de cartel da Marea Galeguista estivo en Vigo onde visitou a familiares de usuarios da residencia de maiores xestionada por DomusVi en Aldán. Pancho Casal comprometeuse a que o primeiro que fará a formación no novo parlamento será a creación dunha comisión para investigar o acontecido nos centros de maiores privados durante a pandemia. A cabeza de lista por Pontevedra, Peque González, reclamou un tren de proximidade e a transferencia da rede ferroviaria. Este venres a caravana da Marea Galeguista moverase por Ourense.

Ciudadanos

A candidata de Ciudadanos, Beatriz Pino, estivo acompañada polo eurodeputado Adrián Vázquez. Ambos mantiveron xuntanzas en Cangas e Bueu con representantes do sector pesqueiro. Pino asegurou que defenderá os intereses da pesca galega nas negociacións no seo da Unión Europea.

Vox
O número 1 da lista por A Coruña, Ricardo Morado, mantivo unha xuntanza con membros do sector dos cazadores.