Campaña día 8 | Vox visitou Carballo e Zapatero Arteixo


Chegamos ao ecuador da campaña electoral camiño do 12-X. Esta fin de semana é a derradeira na que os partidos poden demandar o voto e os esforzos multiplícanse. Nas últimas horas Vox puxo o foco en Carballo celebrando unha xuntanza con representantes do sector da gandeiría. En canto a desembarcos de Madrid, protagonismo para Iolanda Díaz e José Luis Rodríguez Zapatero. Este é o diario de campaña.

Partido Popular
A caravana do PP galego pasou pola provincia de Ourense. Alberto Núñez Feijóo visitou San Cibrao das Viñas, O Carballiño e Xinzo. Feijóo dirixiuse aos votantes doutros partidos para dicirlles que se queren un goberno estable confíen no Partido Popular. Feijóo apelou a unha mobilización masiva para “espertar o luns 13 cun goberno de maiorías”. O candidato popular presentou como aval os últimos once anos de goberno e pediu o voto “para que Galicia teña un presidente libre e un goberno que cumpra a súa palabra”.

PSdeG – PSOE
O cabeza de cartel do PSdG, Gonzalo Caballero, estivo acompañado en actos en Santiago e Arteixo polo ex presidente do goberno de España, José Luis Rodríguez Zapatero. Os socialistas suspenderon a campaña en A Mariña polo rebrote da COVID-19. Zapatero pediu o voto para Caballero alegando que “agora máis que nunca son precisas as políticas sociais”. Hoxe sábado Pedro Sánchez acompañará ao candidato socialista na Coruña.

BNG
Ana Pontón estivo en A Coruña, Ames e Moaña. Pontón tamén anunciou a suspensión dos seus actos en A Mariña e acusou a Feijóo de improvisar por non contar cos rebrotes.

Galicia en Común
A ministra Iolanda Díaz desembarcou na campaña xunto ao seu candidato, Antón Gómez-Reino nuns actos que a coalición protagonizou en Ourense e Santiago. Gómez-Reino dixo que emerxe unha alternativa de goberno de esquerdas e pediu o voto para a súa formación “porque vale dobre”.

Marea Galeguista
O candidato da Marea Galeguista pasou o día na provincia de Ourense. Pancho Casal visitou unha protectora de gatos e cans e mantivo unha xuntanza con productores de pataca da Limia. Casal criticou que o candidato de Galicia en Común excluíra á súa formación do decálogo de goberno que lles propuxo a PSdeG e BNG. Casal reivindicou á Marea Galeguista como terceira alternativa de goberno. Casal defendeu que o desenvolvemento de Galicia non pode depender de forzas políticas “coas mans atadas en Madrid”, reclamou en Verín máis servizos públicos para o rural e en Ourense un tren de proximidade galego.

Ciudadanos
A voceira nacional de Ciudadanos, Melisa Rodríguez, fixo campaña en Lugo. Rodríguez comprometeu un plan estratéxico para potenciar tódolos camiños de Santiago. Hoxe sábado estará en Galicia Inés Arrimadas.

Vox
O vicepresidente de VOX, Jorge Buxadé, visitou Carballo dende onde criticou o peso das políticas europeas e da burocracia.