Campaña electoral en marcha

2 minutes read

Pablo Casado abriu a campaña electoral no Florida Park, a mítica sala de festas do madrileño parque do Retiro. Fixo acompañado do seu número dous nas listas da capital, Adolfo Suárez Illana, e por Pío García Escudero, que encabeza a candidatura ao Senado. Oviedo e Vitoria serán as primeiras paradas, este domingo estará en Santiago de Compostela.

Pedro Sánchez é o único dos cinco principais líderes que non abre campaña na provincia pola que se presenta. Está en Dos Hermanas, a localidade sevillana onde hai dous anos anunciou a súa candidatura ás primarias. Acompañado de Susana Díaz e da ministra de Facenda María Jesús Montero. A súa primeira parada en Galicia será o martes en Vigo.

Pola mesma cidade olívica pasará na segunda semana da campaña Pablo Iglesias. Baixo o lema, A historia escríbela ti, o líder de Unidas Podemos pegou os primeiros carteis en Madrid, onde empezou a pedir o voto da man da súa número dous, Irene Montero, e do coordinador de Esquerda Unida, Alberto Garzón.

Albert Rivera botou a andar desde a súa sede madrileña. Alí, o líder de Ciudadanos deu o tiro de saída á súa terceira campaña nunhas xerais, para intentar engrosar os 32 deputados que tivo a formación hai 3 anos. Quen aspira a pisar por primeira vez o Congreso é VOX. O seu líder, Santiago Abascal, deu o seu primeiro mitin de campaña na madrileña Praza de Colón, antes de viaxar a Covadonga. Nin Abascal nin Albert Rivera prevén pisar Galicia nos vindeiros 15 días.

O BNG iniciou a súa campaña na praza das Praterías, en Santiago de Compostela. Ao mediodía deste xoves xa quentaron motores e presentaron o seu vídeo electoral. No acto, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, dixo que estas eleccións son decisivas para que Galicia recupere a voz propia tras catro anos de sombra. Asegurou que o BNG é a única forza disposta a defender os dereitos dos galegos. Pontón tamén advertiu que a formación quere pararlle os pés a unha dereita que cualificou de españolista e carca.

En Marea tamén arrincou a súa campaña para as xerais na zona vella de Santiago. Pola contra, En Común, a coalición de Podemos e Esquerda Unida, escolleu a Porta do Sol en Vigo para a pegada de carteis. Os socialistas galegos tamén o fixeron en Santiago. O líder do partido, Gonzalo Caballero, participou ás doce da noite no acto de apertura na zona nova da cidade. O Partido Popular de Galicia abriu a campaña na Coruña, nun acto no que o líder da formación, Alberto Núñez Feijóo, acompañou os candidatos para as eleccións xerais.