Cantometrics presenta «Efémeras» nas Letras de Carballo

2 minutes read

O Programa das Letras Galegas 2025 de Carballo continúa esta semana con moita música que chega en diferentes formatos. Por un lado, con intención divulgativa cun espectáculo que visita os centros de ensino de Primaria do municipio; por outro, cun concerto único a cargo de Cantometrics, unha agrupación que conta con músicos que están vencellados a Carballo.

Comeza coa visita do espectáculo de María Faltri tituladoCoa pandeireta na man aos centros de ensino de Primaria do municipio. Despois de visitar os colexios de Razo e Sofán e os CEIP Bergantiños e Xesús San Luís Romero o luns 5 e o martes 6 de maio, o mércores 7 este concerto lúdico e participativo que rende homenaxe ás cantareiras estará nos CEIP Fogar (10.00 h.), CEIP A Cristina (12.00 h.) e CEIP Canosa-Rus (15.30 h.) O alumnado ten así a oportunidade de achegarse á riqueza da música tradicional galega e á importancia do patrimonio oral. Hay que lembrar que as actividades de divulgación nos centros de ensino da vila continúan os días 19 e 22 de maio, desta volta nos institutos coas Tocadoras do Alprende e co grupo de Cantareiras de Nemeth.

As citas das Letras Galegas seguen con Efémeras de Cantometrics, unha formación musical que estará no Pazo da Cultura o venres 9 de maio a partir das 20.30 horas. Trátase dun concerto de música tradicional inspirado nas obras fotográficas de Ruth Matilda Anderson. A cita abre as fronteiras a outras posibilidades sonoras incorporando o folk ou a música electrónica, nunha linguaxe acorde coa estética musical do século XXI. Unha creación baseada na imaxe e na vídeo creación a cargo de cinco músicos galegos, algúns dos cales están vencellados a Carballo. Esta cita está organizada polo Concello de Carballo coa colaboración da Deputación da Coruña. O prezo da entrada é de 5€ (3€ con desconto) e pode mercarse na billeteira do Concello (https://billeteira.carballo.gal/) ou no despacho de billetes do propio Pazo da Cultura desde 90 minutos antes do comezo da función.