«Carabela» chega a Carballo cunha potente mensaxe sobre o problema ambiental que causa o plástico

1 minutes read
  • A obra presentarase no Pazo da Cultura de Carballo este domingo ás 18:00 horas   

Galeatro volve a Carballo para presentar no auditorio do Pazo da Cultura o seu espectáculo: “Carabela”. A compañía, fundada en Carballo no ano 2015, quixo sensibilizar á poboación, en especial á máis cativa, sobre o grave problema ambiental que supón o uso masivo de plástico; e para iso contaron cun texto de Paula Carballeira.

A obra presentarase este domingo ás 18.00 horas no auditorio, e a historia será publicada moi pronto pola Editorial Galaxia.

De todo iso e de moitos dos detalles que envolven o novo espectáculo de Galeatro falou hoxe o equipo artístico da compañía, integrado polos intérpretes Alba Bermúdez e Tone Martínez, ademais do director e actor Davide González; Paula Carballeira, autora do texto, e Emi Candal, da distribuidora Urdime, que estiveron acompañados polo concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e o alcalde, Evencio Ferrero.

Paula Carballeira cualificou coma “un luxo” a posibilidade de participar nun proxecto que aborda “un tema de máxima actualidade” e que permitirá que, a través do xogo teatral, o público reflexione sobre “o medio ambiente, a fame ou como nos relacionamos cos outros seres vivos do planeta”.

A esa reflexión referiuse tamén Emi Candal, que destacou as ganas e o respecto pola profesión da compañía Galeatro, ademais do seu compromiso para “tecer redes” para unha cultura transformadora que nos permita legar un planeta mellor ás xeracións futuras.

O alcalde pechou o acto de presentación cun agradecemento “á xente que, como Galeatro, se compromete coas artes”, e reiterou o apoio e a colaboración do Concello de Carballo ás artes escénicas e aos proxectos que contribúen á reflexión social “sobre o planeta que estamos construíndo”.