Carballo | O Concello recibe a primeira visita dun grupo escolar desde o inicio da pandemia

1 minutes read
  • Alumnado do CEIP A Cristina mantivo unha xuntanza co alcalde e co concelleiro de Obras e Servizos e realizou un percorrido polas dependencias municipais

Despois de dous anos, este venres a Casa do Concello de Carballo acolleu a visita do alumnado de 3º curso do CEIP A Cristina. Unha visita moi práctica, segundo contou a súa profesora Maica Cotelo, xa que a rapazada vén de celebrar o seu propio proceso electoral na aula, de xeito que o grupo chegou encabezado polo “alcalde” e os seus “concelleiros e concelleiras” con moitas preguntas preparadas e ganas de aprender.

A primeira parada foi o salón de sesións, onde mantiveron unha xuntanza co rexedor, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. Os nenos e nenas interesáronse por todo tipo de cuestións, pero fixeron especial fincapé nunha: a presenza de excrementos de cans nas rúas e nos parques. Os responsables municipais explicáronlles que dende o Concello continúan traballando neste problema a través de campañas de sensibilización veciñal porque «manter limpo o noso concello é responsabilidade de todas e todos». Tamén animaron á cativada a dar exemplo aos maiores co seu comportamento cívico.

Despois de case unha hora de conversa, os escolares saíron do salón de sesións con cadansúa mochila con información medioambiental e algúns agasallos, e dende alí foron percorrendo o edificio ata chegar á oficina de tramitación do DNI e o pasaporte que ten a Policía Nacional na planta baixa do edificio. Posteriormente trasladáronse ata as dependencias da Policía Local, unha das «paradas favoritas dos nenos e nenas», sinalan desde o goberno local, onde puideron coñecer máis de preto o traballo dos axentes.