Carballo | Á venda as entradas para asistir ao II Xantar A Milagrosa 23

2 minutes read

A Comisión de Festas do barrio da Milagrosa de Carballo puxo á venda as entradas para poder asistir á celebración do II Xantar A Milagrosa 23. O evento celebrarase o sábado, día 3 de xuño nas instalacións do polideportivo do Colexio Xesús San Luís Romero. O éxito alcanzado o pasado ano, máis de cincocentos asistentes, fai prever que este 2023 rozarase o cheo no pavillón.

Os actos darán comezo á 13.30 h. coa apertura de portas para dar paso a unha pequena sesión vermout que correrá a cargo de Dj Giancarlo. A continuación, a partir das 14.30 horas, servirase a comida que consistirá en empanada variada, polbo á galega, churrasco de porco e tenreira, chourizos criollos, patacas, sobremesa e licores. Todo iso regado con viño branco e tinto e auga. Tras a degustación de tan exquisito manxar, Dj Giancarlo renovará a súa actuación, dando paso a unha velada que se alongará tanto como os corpos aguanten.

Como novidade este ano, se a climatoloxía o permite, tanto a sesión vermout como o baile de despois da comida celebraranse no exterior do pavillón polideportivo. A comisión organizadora acordou este cambio coa intención de que todas aquelas persoas que, por motivos diversos, non poidan asistir á comida si poidan gozar da sesión vermout e do baile, se así o desexan.

As entradas para o evento pódense adquirir a través dos membros da comisión organizadora ou nos locais de hostalería do barrio da Milagrosa.

Ao longo da celebración sortearase un bo número de agasallos que están a ceder distintas casas comerciais do barrio e outros puntos do concello.

Dada a gran expectativa que levantou a primeira convocatoria, desde a organización animan aos/as interesados/as a retirar a súa entrada canto antes xa que, aínda que o aforo do pavillón é moi superior, unicamente se ofertan 600 prazas por cuestións organizativas e de seguridade.

Nesta celebración colaboran, ademais das casas comerciais e locais de hostalería, o Concello de Carballo e a dirección do Colexio Xesús San Luís Romero, a quen desde a comisión que preside José Luís Barca Añón dan as máis expresivas grazas.

Prezo: 35 euros por persoa
Menú infantil ata 5 anos: Gratis
De 6 a 12 anos: 15 euros.