Carballo | A Xunta de Goberno inicia a contratación de 5 proxectos financiados co remanente

1 minutes read
  • O goberno local quere axilizar a tramitación de todas as actuacións, que deberán estar rematadas antes do 31 de decembro do 2021

A Xunta de Goberno Local de Carballo porá en marcha na sesión ordinaria do luns, 7 de decembro, os procedementos de contratación de cinco dos trece proxectos que se financiarán con cargo ao remanente de tesourería para gastos xerais.

Executaranse melloras de accesibilidade en beirarrúas da zona A Milagrosa e a Avenida Ponte da Pedra, por 216.519,94 euros; así como na rede de saneamento e abastecemento de auga en Cambre de Lema e Cambrelle-Razo por máis de 416.000 euros, e tamén aos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega, na parroquia de Bértoa, por 368.000.

Outro dos proxectos céntrase na reforma do centro social do barrio da Milagrosa, cuxo orzamento alcanza os 147.317,86 euros; mentres que o pavillón deportivo «Carballo Calero» verá substituida a súa cuberta e revestida a súa fachada por 255.000 euros.

O obxectivo do goberno local é axilizar a tramitación das 13 actuacións todo o posible, xa que deben estar rematadas a 31 de decembro do ano 2021. A necesidade de cumprir este prazo influíu á hora de escoller os proxectos, xa que deben ter un prazo de execución viable nese período de tempo.