Carballo acollerá a final da Copa Galicia EBA


A Federación Galega de Baloncesto (FGB) vén de confirmar á Escola Basket Xiria e ao Concello de Carballo a celebración da Final da Copa Galicia EBA, que medirá ao conxunto local contra o C.B. Chantada. Ámbolos dous conxuntos, como primeiros clasificados de grupo, con tres vitorias cada un, xogarán o vindeiro domingo 2 de outubro, ás 12h. no Pavillón Vila de Noia, a final desta Copa Galicia, para decidir o campión desta edición na tempada 2022/23.
O conxunto chantadino, campión consecutivo das últimas catro edicións da Copa Galicia EBA, será o rival para bater, xa que o Calvo Basket Xiria, como equipo recentemente ascendido ten menos experiencia. A pesar do gran inicio que están a facer os xogadores de Héctor Méndez, atoparanse un gran bloque no equipo rival, que xa leva anos sendo uns dos mellores da categoría.
Dende a Escola Basket Xiria, agradecen o apoio do Concello de Carballo, para acoller esta Final Copa Galicia EBA e podela organizar na súa Vila, para que tódolos carballeses e bergantiñáns poidan arroupar ao Calvo Basket Xiria neste partido, e sexa un punto inicial para seguir dando ánimos durante toda a tempada ó equipo, na súa volta á categoría estatal no Grupo AB da Liga EBA. Tamén agradecen a confianza que a Federación Galega de Baloncesto, vén a depositar na entidade, para celebrar en Carballo esta Final, que será retransmitida pola canle de YouTube da FGB.