Será este mércores, 25 de febreiro, ás 17:00 horas no 2º andar do Pazo da Cultura de Carballo. Con esta asemblea búscase unha participación conxunta de docentes e persoal de servizos dos centros educativos; familias e ANPAs; representantes dos Consellos Escolares, e axentes sindicais.
Desde o colectivo denuncian unha continua desatención por parte da Consellería, traducida en recortes de persoal, sobrecarga burocrática e instalacións precarias ou mal coidadas. Esta situación, afirman, dificulta que o alumnado reciba unha educación acorde ás súas necesidades, especialmente no tocante á atención á diversidade.
Neste contexto, a reivindicación articúlase arredor de catro obxectivos principais: redución de ratios (alumnado/aula), dotación de recursos humanos especializados para unha correcta atención á diversidade, mantemento axeitado de infraestruturas e redución da carga horaria docente de acordo ás circunstancias conxunturais actuais.
As Asembleas subliñan a importancia de unir forzas entre todos os axentes implicados para acadar unha educación pública de calidade, polo que invitan e animan á participación nesta xornada a toda a comunidade educativa da Costa da Morte.