A Mesa Local de Comercio vén de aprobar por unanimidade a adhesión do Concello de Carballo ao programa de feiras impulsado dende a Deputación Provincial da Coruña para dinamizar o comercio local nos concellos de 10.000 a 50.000 habitantes. Deste xeito, do 26 ao 28 de agosto Carballo acollerá unha Feira de Oportunidades en cuxo desenvolvemento colabora o Centro Comercial Aberto (CCA), que propuxo as datas e tamén se encargará da selección dos establecementos participantes entre os seus asociados. A Feira de Oportunidades celebrarase na rúa Jacinto Amigo Lera (no caso de choiva trasladaríase á planta alta do Mercado Municipal de Abastos) e contará con 20 carpas para dar acubillo aos comercios participantes. A feira abrirá ao público dende o venres pola tarde ata o domingo pola noite. A Mesa Local de Comercio tamén aprobou por unanimidade o calendario de accións de dinamización comercial organizadas polo CCA para este ano.
25