Carballo afronta o segundo mes da campaña de trampeo de primavera na loita contra a avespa velutina

2 minutes read

O Concello de Carballo, a través da empresa responsable do servizo municipal de control de pragas, Plaguiber, e da colaboración cidadá, acaba de completar o primeiro mes da campaña de trampeo de primavera contra a avespa velutina. Este programa, que ten como finalidade a captura de raíñas para evitar a formación de niños primarios, pechou o mes de marzo cun balance provisional (faltan por recompilar datos das persoas colaboradoras a título individual) de 708 exemplares capturados.

Para este arranque de 2026, Carballo conta cunha rede de 117 colaboradores que xestionan un total de 757 trampas. Para o funcionamento deste dispositivo, o servizo técnico leva distribuídos 556,5 litros de líquido atraínte. As persoas que queiran sumarse aínda están a tempo. Unicamente teñen que achegarse ás oficinas de Plaguiber (rúa Brasil, número 27), solicitar unha trampa e líquido e asinar o compromiso de colaboración

Dende que se iniciaron os rexistros detallados, a estratexia de trampeo en Carballo amosou unha gran efectividade, con fitos destacados:

  • Capturas totais: o esforzo histórico permitiu capturar 154.502 avespas en oito anos.
  • Ano de máxima actividade: no 2021 rexistrouse o pico de capturas na primavera, con 32.391 exemplares.
  • Retirada de niños: grazas ao trampeo preventivo, a necesidade de retirar niños reduciuse de xeito notable dende os 834 rexistrados no ano 2019 ata os 228 do pasado ano 2025. Nese período foron retirados 2.619 niños en todo o termo municipal. Lembra que os avisos deben realizarse a través do teléfono 012, da Xunta de Galicia, que é o organismo encargado da xestión dos niños

O Concello de Carballo agradece a implicación dos veciños e veciñas, cuxo labor voluntario é fundamental para o éxito do programa. A campaña continuará con intensidade durante os próximos dous meses, período crítico no que o ciclo biolóxico da vespa velutina fai que as capturas sexan máis determinantes para o control da praga durante o resto do ano.