As Asociacións Cultural e Xuvenil Arume de Verdillo celebran este venres 6 e sábado 7 de xuño a 43 edición do Albaroque no local social de Verdillo. Este ano a festa ten o lema “AGORA E SEMPRE”, que fai referencia ao espírito de continuidade de celebración e á preservación e promoción da cultura galega a través das súas Asociacións. O Albaroque é a súa festa de fin de curso. É o momento de disfrutar do reencontro con familiares e amigos para pasar unha xornada agradable.
Empezará o venres para todos os rapaces que desexen participar nos xogos populares a partir das 18.00 horas coa entrega de premios prevista para as 20.30 horas.
A celebración do sábado inclúe unha mostra das actividades que se levaron a cabo este curso no seo das dúas asociacións. Comezarán pola mañá (11.30 horas) coa actuación das Escolas de baile e música tradicional da Asociación Cultural Arume, onde os alumnos de pandeireta, baile, gaita, percusión e acordeón poderán amosar a labor feita durante o ano. De seguido terán unha exhibición de Cantos de Taberna pertencentes tamén á rama cultural.
Ao longo da xornada contarán con actuacións variadas dirixidas a tódolos públicos. A primeira das formacións musicais que os visitarán será o coro Aires de Bergantiños (13.15 horas), como vén sendo habitual nas últimas edicións desta festa. Os alumnos de bailes latinos da Asociación Xuvenil poñeranlle ritmo á sesión vermú previa á sardiñada (13.30 horas).
Despois da habitual sardiñada, a partir das 17.00 horas celebrarán o seu ALBAROQUIÑO con Alex Louzao Ilusionista, carballés que se caracteriza por un estilo fresco, moderno e cómico e que levará a Verdillo o seu espectáculo de maxia familiar POR ARTE DE BIRLIBIGOTE.
De seguido será o turno da exhibición do alumnado de ximnasia rítmica, actividade pertencente á Asociación Xuvenil.
Con eles quentaremos motores para disfrutar (a partir das 18.30 horas) do III SON PINEIRO con dous grupos de música.
Actuará en primeiro lugar a Charanga Benofán. Desde Calo esta charanga de música tradicional percorre diferentes lugares de Galicia cun repertorio que recorda o das charangas e orquestras das verbenas do pasado século. No 2024 publicaron a grabación “El Platanito” e na actualidade traballan na elaboración dun disco.
A continuación, será o turno de O Tren da Unha, asiduos das festas da parroquia, cun variado e amplo repertorio musical que prometen facer as delicias de bailadoras e bailadores.
Todas as actuacións serán de balde e están dirixidas a todo o público que desexe asistir.
Para esta festa contan e agradecen a colaboración da Deputación da Coruña, o Concello de Carballo e Conservas Calvo. Ademais de donacións de distintos establecementos como Taberna O Patacón, Taberna 1909, Restaurante San Lorenzo, O Leño, Cruceros Fisterra e Peluquería Silvia e Paula.