Carballo aproba licenzas de obra por máis de tres millóns de euros

1 minutes read
  • Tamén se iniciaron os expedientes de contratación de servizos como o control de ruídos ou a sinalización horizontal e vertical da rede viaria

A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou na sesión telemática celebrada este luns 25 un total de 18 licenzas urbanísticas, a maior parte para construción, reforma, legalización ou ampliación de edificios de vivendas ou auxiliares; pero tamén para proxectos empresariais como un almacén de cereal, un cortello ecuestre, un centro de estética ou dúas naves industriais. As obras superan, en conxunto, os tres millóns de euros de orzamento.

O goberno carballés aproveitou a sesión para iniciar os expedientes de contratación de varios servizos como o de control de ruídos, por un prazo de 4 anos e cun valor anual de 14.520 euros; a conservación e mantemento dos traballos de sinalización horizontal e vertical na rede viaria, por dous anos e un orzamento anual de 100.000 euros; o subministro de combustible para as caldeiras das instalacións deportivas ou a ampliación do contrato de implantación e soporte de almacenamento, virtualización e copia de seguridade do Concello de Carballo, cun custe de 8.080,67 euros.

Entre os acordos adoptados pola Xunta de Goberno Local figuran tamén facturas por importe de 23.015,36 euros e gratificacións por algo máis de 14.000 euros.

Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno Local aprobou as bases reguladoras da convocatoria de subvencións a asociacións empresariais e de comerciantes para a realización de actividades de promoción económica durante este ano 2020. A achega que realizará o Concello de Carballo para esta liña de subvencións poderá acadar os 60.000 euros.