Carballo | Aprobado, de xeito inicial, o plan especial de protección en Arnados-Razo

2 minutes read
  • O documento, que aborda a ordenación integral dun ámbito de máis de 300.000 metros cadrados, someterase á información pública durante dous meses

A Xunta de Goberno Local de Carballo, celebrada este luns, aprobou de xeito inicial o Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións en Arnados-Razo, cuxo obxectivo é a ordenación integral dunha superficie de 313.171 metros cadrados de solo rústico entre o núcleo de Razo da Costa e o monte Peados.

A elaboración do documento foi laboriosa xa que debe cumprir os obxectivos establecidos no Plan de Ordenación do Litoral (POL) para esa zona e prever as dotacións, infraestruturas e redes de servizos suficientes para o desenvolvemento dese ámbito.

Obxectivos e previsións
Máis dun terzo da superficie total do ámbito do plan especial forma parte da Rede Natura 2000. Nese sentido, un dos obxectivos marcados dentro das accións de recuperación medioambiental e paisaxística é a eliminación do tráfico rodado e dos aparcamentos do borde litoral. Así, na vía paralela á praia e na que se producen desprendementos constantes, o plan establece a supresión do tráfico rodado e crearase unha senda peonil e ciclista.

Dentro do traballo incluíuse un estudo da demanda de aparcamento. O plan propón substituír as actuais bolsas de estacionamento por dous novos aparcadoiros permanentes con capacidade para 468 e 1.084 vehículos, que estarían situadas fóra da zona de dominio público terrestre e da zona de protección.

Este plan tamén prevé a implantación de varias zonas verdes que se situarán na zona occidental do ámbito, ocupando un total de 21.250 metros cadrados, e nas que poderá dedicarse unha pequena porcentaxe da superficie a miradoiros, pistas deportivas descubertas ou áreas de xogos.

Tamén se proxectan catro áreas de equipamento, tres de carácter público cunha superficie total de 25.549 metros cadrados, nos que se podería emprazar un campo de fútbol que servise de alternativa ao actual, e unha cuarta de carácter privado de 671 metros que se corresponde cunha escola de surf.

A partir da publicación do documento aprobado inicialmente abrirase un período de información pública de dous meses para presentar alegacións.