Carballo | Aprobado un convenio para reducir as inundacións no río Anllóns

1 minutes read
  • O acordo establece unha serie de actuacións que contarán cun investimento de 3 millóns de euros

A Xunta de Goberno Local de Carballo aprobou este luns, aínda que fóra da orde do día, un convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello para reducir o risco de inundación na ARPSI (área con risco potencial significativo de inundación) do río Anllóns. O acordo establece unha serie de actuacións que contarán cun investimento de 3 millóns de euros (280.000 no 2021; 1.360.000 euros no 2022, e 1.360.000 no ano 2023). O proxecto estará cofinanciado nun 80% a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Entre esas actuacións que forman parte do Plan específico de xestión do risco de Inundación (PEGRI) na área fluvial do Anllóns atópanse a demolición dunha edificación na rúa Sol, así como a reforma da ponte e a creación dunha canle de augas altas na zona; unha reforma integral do parque do San Martiño e outra na ponte da Casilla; a mellora hidráulica do río Anllóns na Cepeira (Sísamo); e a realización dun bypass no Muíño do Quinto para que actúe cando o caudal medre en época de enchentes.

Esta última actuación xa está en marcha. A redacción do proxecto foi adxudicada hai un mes á empresa Aquática Ingeniería Civil, S.L., por un importe de 18.000 euros e un prazo de execución de 6 semanas.