A historia volveuse a repetir este venres. Un novo accidente ocorreu minutos antes das oito da mañá na estrada comarcal AC-552 en Bértoa, no lugar coñecido como A Galleguiña. Unha persoa resultou ferida de gravidade ao ser atropelada por un turismo BMW de cor escura. O 112 Emerxencias Galicia fíxose eco do sinistro e mobilizou ao lugar á Policía Local de Carballo, a unha patrulla de Atestados da Garda Civil de Tráfico e a unha Ambulancia do 061 que trasladou á persoa ferida ao hospital.
A parroquia de Bértoa faise especialmente vulnerable a este tipo de sinistros, atópase en gran parte atravesada pola AC-552, desde o límite coa Laracha ata o propio centro urbano carballés, con diferentes accesos e cruces perigosos. Moitos son os accidentes, varios con peóns implicados, os que se producen neste tramo de dous quilómetros.
O último máis grave ocorreu o pasado 15 de decembro cando unha persoa falecía atropelada na zona próxima á rotonda de acceso ao polígono. Tirando un pouco máis de hemeroteca a finais de marzo de 2019 no mesmo lugar da Galleguiña tamén falecía unha muller natural de Berdillo atropelada por outro turismo cando baixaba do autobús.