Carballo celebra o Nadal con luces, pero tamén con moita cultura

1 minutes read
  • A Concellaría de Turismo programa unha oferta de actividades de lecer inspiradas polas obras de arte urbano de Derrubando muros con pintura

O Concello de Carballo, a través da Concellaría de Turismo, puxo en marcha un programa cunha ampla oferta de actividades de lecer que xira ao redor dos murais de arte urbana da vila que conforman o Derrubando muros con pintura.

Desde esta fin de semana e ata o 5 de xaneiro estará activa a programación «Ao redor dos muros en Nadal», que consistirá en xogos ao aire libre, visitas guiadas e representacións teatrais dirixidas a un público familiar.

Debido ás condicións meteorolóxicas, estas primeiras representacións serán no segundo andar do Mercado Municipal. A entrada é libre ata completar o aforo máximo que marcan as medidas de seguridade pola Covid-19.

A primeira cita foi este pasado día 5 de novembro. De man de AC Teatro Vagalume, os máis entusiastas desfrutaron das obras Carapuchiña e Nadadores. Hoxe, domingo, representarán Romeo e Xulieta ás 12:00 e as 12:30 horas. De cara ao luns e martes, a través de dúas sesións ás 18:00 e as 18:30 horas, os asistentes poderán ver Do revés e Noivos por Internet, respectivamente.

Está previsto que haxa unha nova quenda de representacións entre o 18 e o 22 de decembro da que se anunciarán os horarios e emprazamentos en vindeiras datas.

Ademais, a partir do 21 de decembro e ata o 5 de xaneiro, quen o desexen poderán participar nun xogo no que hai que atopar as pescudas agochadas nos murais de arte urbana. Inscricións en turismo@carballo.gal ou no 981 702 077.