- O presidente do CCA, Ricardo Pallas; o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e o alcalde, Evencio Ferrero, presentaron a iniciativa
Co lema “Este Nadal pasámolo xuntos, seguro!” arrincou este luns a nova campaña de promoción do comercio local do Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo de cara ao Nadal. Trátase dunha ambiciosa iniciativa que se desenvolverá ata o 5 de xaneiro grazas á unión do comercio e da hostalaría que, este ano, tamén conta co apoio do Concello.
“Apelamos á solidariedade coa actividade económica de Carballo para que todos poidamos saír adiante”, manifestou na presentación da campaña o presidente do CCA, Ricardo Pallas, que estivo acompañado polo concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
O acto celebrouse na Praza do Concello, xunto á enorme caixa de madeira na que poderán depositarse os “rasca” que distribuirán os 78 comercios participantes e os boletos que entregarán aos seus clientes un total de 32 locais de hostalaría. En total está previsto repartir 200.000 boletos e 13.000 premios por un valor de 65.000 euros.
“Agardamos que o mes de decembro sexa, como mínimo, tan bo como foi o mes de novembro, do que saímos moi satisfeitos da campaña Sempre Carballo e así nolo fixeron saber os comercios”, apuntou o concelleiro de Promoción Económica. Por parte desta área tamén se presentará nos vindeiros días unha nova campaña complementaria de apoio ao comercio e a hostalaría.
O rexedor, Evencio Ferrero, pide responsabilidade pero móstrase positivo coa sociedade carballesa, que pode facer do municipio «un exemplo e un lugar de encontro, con toda a seguridade e todas as medidas indicadas polas autoridades sanitarias”.