Carballo | Compromiso da Deputación da Coruña para rematar a mellora da travesía de Sísamo

1 minutes read
  • O presidente provincial visitou a sede da Asociación de Veciños “Santiago Apóstol” de Sísamo, onde explicou que o acordo ao que se chegou co Concello é o paso previo para activar as obras dos 1,7 quilómetros que faltan para finalizar a mellora desta vía.

Valentín González Formoso, que foi recibido na Casa Consistorial polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e os portavoces dos grupos políticos que forman a corporación municipal, lembrou que “esta é unha demanda histórica da vila e agora toca finalizala”. O compromiso formalizarase oficialmente en papel coa sinatura, na sede da institución provincial, dun protocolo de colaboración entre a Deputación, que compromete un investimento de 1,7 millóns para completar a última fase das obras de mellora da estrada DP-1901 desde o PK 0,8 ata o remate do vial no PK 2,5, no lugar do Outeiro. Pola súa banda, o Concello de Carballo comprométese a facerse cargo da titularidade da estrada unha vez rematada esta derradeira fase das obras.

A Deputación da Coruña xa acometeu as dúas fases previas deste importante proxecto de mellora nas que se leva investido máis de 1 millón de euros e que supuxeron unha notable mellora no tramo máis urbano desta travesía. Agora completará a totalidade da vía nesta terceira fase, que seguirá a mesma liña das anteriores: ancheamento e pavimentación da plataforma, construción de beirarrúas e dotación de novos servizos urbanos, entre eles o alumeado público.