Carballo contará cunha nova área deportiva na zona da Lagoa

1 minutes read

A Xunta de Goberno Local aprobou de xeito inicial, na sesión ordinaria celebrada este luns 19 de maio, o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para a implantación dunha área deportiva na Lagoa. O plan afecta a un ámbito de 81.551 metros cadrados, no que se realizará unha intervención urbanística cunha dobre finalidade: proxectar un espazo para novas instalacións deportivas, que resultan moi necesarias no noso concello, e aproveitar un entorno natural que se poida empregar para a práctica do deporte.

Para cumprir eses obxectivos, no PEID establécese o seguinte reparto:

25.356,35 m² para as instalacións deportivas

37.751,45 m² para sendas peonís e pequenas explanadas para a práctica de deporte afeccionado

7.735,65 m² para praza pública

7.962,80 m² para aparcadoiros cunha capacidade para 334 vehículos

2.744,75 m² para regularizar as vías existentes, completar a rúa Vila de Negreira cunha senda peonil e carril bici, dar continuidade á rúa Álvarez de Sotomayor e conectar coas rúas Lagoa e Bosque.

Unha vez aprobado de xeito inicial e tras a publicación no Diario Oficial de Galicia, o documento será sometido a información pública durante un prazo de dous meses para que as persoas interesadas poidan consultalo e, no seu caso, formular alegacións. As persoas titulares dos terreos afectados recibirán notificacións individuais. Así mesmo, de xeito paralelo solicitaranse os informes sectoriais preceptivos.