- No pleno de Xuño, adiantado polas festas do San Xoan, o grupo municipal popular votou en contra da proposta de modificación do Regulamento Orgánico de Funcionamento que fixo o goberno local de Carballo,
A corporación municipal vén de aprobar o novo contrato do servizo de axuda no fogar, que polo seu importe, próximo aos 11 millóns de euros para cinco anos, tiña que ser ditaminado polo pleno. Na sesión ordinaria celebrada este xoves pola mañá, nun día e nun horario inhabituais para que non coincidise coas festas de San Xoán, todos os grupos políticos coincidiron na importancia crecente do servizo.
Segundo figura no prego do contrato, cada ano préstanse 74.568,36 horas de servizo de atención a persoas dependentes en horario ordinario, 6.869,39 horas en días festivos e 2.872,8 horas de libre concorrencia. Son cifras estimadas, porque a demanda varía dun día para outro. Nestes momentos, o número de persoas usuarias supera as 390, tal como indicou a concelleira de Servizos Sociais, Maica Ures.
As cifras falan por si soas. Como apuntou o alcalde, Evencio Ferrero, “legalmente os concellos temos, exclusivamente, a responsabilidade da organización do servizo. O financiamento corresponde nun 50% á Administración do Estado e no outro 50% á Xunta de Galicia, e estamos vendo un movemento cada vez máis profundo, de concellos de todo tipo de ideario político, que piden que as dúas Administracións asuman o que lles corresponde pola Lei de Dependencia”.
Mentres iso non ocorra, o Concello de Carballo debe facer fronte cada ano a unha porcentaxe elevada do custe do servizo, que se distribúe do seguinte xeito:
Servizo de axuda no fogar para persoas dependentes
- Importe total anual: 2.247.719,77 euros (26,66 euros/hora)
- Achega da Xunta de Galicia: 12 euros/hora
- Achega do Concello de Carballo: 10,61 euros/hora (846.123,41 euros)
Servizo de libre concorrencia, SAS e sociofamiliar
- Total anual estimado: 76.590,71 euros
- Achega da Xunta de Galicia: inferior aos 3 euros/hora
- Achega do Concello de Carballo: 39.031,66 euros (13,59 euros/hora)
O contrato tamén inclúe un número determinado de horas de fisioterapia, podoloxía, psicoloxía e peiteado que deberá prestar a empresa adxudicataria, así como as axudas técnicas necesarias. A proposta foi aprobada cos votos a favor de BNG e PSOE, mentres que o PP abstívose.
O grupo municipal popular vota en contra da proposta de modificación do Regulamento Orgánico de Funcionamento:
O grupo municipal popular considera esta proposta de actualización un intento, por parte do goberno municipal do BNG, de mordaza e control interesado. O voceiro popular, Rubén Lorenzo, preguntou ao alcalde polos motivos que levan a esta actualización neste momento do mandato e cuestionou a necesidade de certos artigos que, sen dúbida, apelan a un maior intervencionismo por parte do goberno nacionalista para evitar ou frear o exercizo da oposición, especialmente nos plenos municipais. Curioso, sinalaba o voceiro popular, que o grupo socialista decidira, “in extremis” cambiar o sentido do voto e alinearse coa alcaldía, e, aínda máis, centrase o debate na confrontación cos populares, nunha sorte de confusión de roles, esquecendo que os socialistas tamén están na oposición.
Lorenzo centrou o debate en temas moi concretos como os tempos de intervención nos debates, a delegación de voto, a actuación das forzas de orden público, o reparto de espazos no edificio do concello, a limitación do número de preguntas, e, incluso, no modo de facelas ou formulalas, na ponderación do voto nas comisiones ou na posibilidade real de accesibilidade total a materiais e grabacións dos plenos.
En palabras do voceiro popular esta acelerada proposta de modificación do ROF responde ao nerviosismo e inquietude do goberno municipal que ve, a dous anos das vindeiras eleccións, como o grupo municipal representado por Lorenzo, fai oposición contundente e firme e deixa en evidencia moitas das decisións do goberno de Ferrero e denuncia a inacción do mesmo en temas moi importantes para Carballo como a Baixa execución orzamentaria, a falta de desbroces nas pistas do rural, a apertura dos viais estruturantes previstos no PXOM, o edificio entidades sociais, etc…
Este debate foi pechado polo alcalde que, segundo o PP, apelou a temas alleos ao interpelado directamente por Lorenzo e desviou o tema cara un anecdotario, lembrando épocas pasadas, que esquivou os puntos concretos polos que foi preguntado polos populares.