Carballo e Camariñas acollerán a Copa 4×4 de Balonmán na Rúa da Deputación da Coruña


A Deputación da Coruña organizará a Copa 4×4 de Balonmán na Rúa cun total de 24 equipos mixtos das categorías alevín e benxamín e máis de 1.000 inscricións abertas. Celebrarase entre os meses de setembro de 2022 e abril de 2023 en Carballo, Ribeira, As Pontes, Arzúa, Cerceda, Muros e Camariñas.

Poderán participar nenas e nenos de entre 6 e 11 anos empadroados en calquera concello da provincia, sendo necesario estar en posesión da correspondente licencia federativa para a tempada 2022. As inscricións poderán realizarse a través do enderezo electrónico da Federación Galega de Balonmán (www.fgbalonman.es).
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, destaca que se trata “dunha modalidade novidosa que achega o deporte do balonmán á rúa”. “Este formato de competición será moi atractivo para as nenas e nenos, porque ademais de ter sedes en diferentes puntos da nosa provincia, poderán coincidir con moitas rapazas e rapaces da súa categoría, contribuíndo a levar o balonmán e os valores propios do deporte aló por onde vaian.”
As inscricións para cada torneo realizaranse 15 días antes da celebración da proba, habilitándose os 5 primeiros días para os residentes en cada localidade e os seguintes 10 para completar a cota de 25 equipos cos conxuntos de fóra do municipio onde se celebre a proba. A cota de inscrición será gratuíta.
Cada unha das sete probas, seis máis a fase final, desenvolveranse durante tres días, de venres a domingo. Os partidos terán unha duración de 26 minutos, divididos en dous tempos de 13 cada un e un descanso máximo de cinco minutos entre cuartos.