Carballo | En marcha as obras de mellora no pavillón deportivo do CEIP Gándara-Sofán

2 minutes read
  • Principalmente renovarase a cuberta pero tamén se incluirán novos elementos de recollida de pluviais.
  • A concelleira de Educación e o de Deporte realizaron este xoves unha visita ao centro, no se están investindo máis de 200.000 euros.

Aproveitando as vacacións de verán, o pavillón deportivo do CEIP Gándara-Sofán de Carballo está sendo renovado. A concelleira de Educación, Mar Eirís, e o concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, visitaron este xoves o centro para ver o desenvolvemento das obras que está a levar a cabo a empresa Vázquez y Reino. O groso do investimento acada os 208.579,69 euros e vai destinado á renovación da cuberta, pero tamén se realizarán outras melloras importantes.

Durante a visita, os concelleiros estiveron acompañados polo equipo directivo e polo arquitecto Roberto Souto, autor do proxecto e director de obra, que realizou unha explicación dos traballos que se están levando a cabo.

A finalidade principal do proxecto é mellorar a experiencia e as necesidades dos usuarios do pavillón que son, maioritariamente, os alumnos e alumnas do colexio. Deste xeito, e segundo sinalan desde o goberno local, a vella chapa metálica do tellado que provocaba moitos problemas nos días de choiva xa foi retirada e será substituída por unha cuberta mediante panel sándwich con illamento incorporado. Tamén se incorporarán novos elementos de recollida e evacuación das augas pluviais, modificando a propia rede de pluviais do pavillón.

O plan de actuacións tamén inclúe a substitución do panel metálico da fachada oeste e a renovación do pavimento, o marcado dos campos de xogo, o pintado interior, a instalación de gradas prefabricadas para acomodar ao público dos eventos deportivos, a instalación dun rocódromo para a práctica da escalada e diverso equipamento deportivo (canastras retráctiles, porterías, etc.).

Ademais, o pavillón polideportivo quedará conectado co edificio principal do complexo educativo a través dunha pasarela cuberta, creándose tamén un novo acceso sen interferir na actividade docente.