Carballo | En marcha o proceso de licitación para o abastecemento de auga a Lema

1 minutes read
  • Na Xunta de Goberno tamén foron adxudicadas as obras da rede de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus) por 278.034,65 euros

A Xunta de Goberno Local aprobou este martes o expediente de contratación das obras de construción da rede de abastecemento de auga ao núcleo de Lema, incluída no POS+Adicional 2019 cun orzamento de 431.876,23 euros. O obxectivo da actuación é seguir estendendo pola costa a traída municipal, que nestes momentos chega ata Razo.

Nesta segunda fase instalarase a rede principal dende Razo ata Lema, que inclúe un ramal cara á praia e os núcleos de Centeás, A Chamusqueira ou O Igrexario. Tamén se dará servizo ao Castrillón, onde xa se deixaron listas as canalizacións aproveitando as recentes obras de mellora viaria do lugar. A maiores, nos núcleos de Cambre e Cambrelle está previsto acometer un específico que incluirá tanto a rede de abastecemento coma a de saneamento.

Á todas estas obras hidráulicas municipais, que xa superan os tres millóns de euros de investimento, sumarase en breve a traída dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus), que foi adxudicada na Xunta de Goberno á empresa Excavaciones y Obras Candal S.L. por 278.034,65 euros. O proxecto permitirá abastecer de auga os lugares da Igrexa, Quintáns, Barís, O Val, O Pedreiro e Canosa.

En materia de contratación, aprobouse a modificación do contrato co Centro Especial de Emprego Aspaber relativo ao servizo de limpeza de colexios de infantil e primaria, escolas unitarias e infantís para incorporar ao mesmo a escola de Xoane por un prezo anual de 7.115,78 euros. Ademais, tamén se deu luz verde á resolución contractual dos servizos do gabinete de comunicación.