Carballo en obras: os barrios urbanos mudan de imaxe e vólvense máis accesibles

2 minutes read
  • Un deses proxectos é o da reforma integral da rúa Bos Aires, practicamente rematada

Continúan en Carballo as obras de reurbanización de rúas, así como a mellora da accesibilidade. Un deses proxectos é o da reforma integral da rúa Boas Aires, que está practicamente rematada.

Este xoves, o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros de Obras e Mobilidade, Luis Lamas e Juan Seoane, achegáronse ata esa rúa para comprobar as obras realizadas pola empresa local Vázquez y Reino. Os obxectivos da actuación, cuxo orzamento alcanzou os 820.000 euros, foron a eliminación das canalizacións de fibrocemento e os tendidos aéreos, así como a creación dunha plataforma única para mellorar a accesibilidade.

A empresa Vázquez y Reino tamén executará as obras da rúa Perú, paralela á anterior, que foron adxudicadas a finais de outubro por 188.266,01 euros. A actuación desenvolverase no treito comprendido entre a rotonda do cruce coas rúas Ponte e Poñente e a rúa Ourense. Debido á densidade do tráfico, nesta vía óptase pola construción de beirarrúas e calzada a distintos niveis. As incorporacións ás rúas Estrela e Chile resolveranse con “isletas”.

Próxima a esa zona atópase outra das actuacións que está en marcha, neste caso en licitación: a reforma do treito da rúa Tarragona comprendido entre as rúas Saúde e Barcelona, completando deste xeito a trama urbana nesa mazá. Neste caso faise especialmente necesaria a instalación e renovación de servizos, xa que o abastecemento de auga ás vivendas faise actualmente dende as rúas veciñas.

Outra das actuacións que se levarán a cabo proximamente na rede viaria urbana realizarase nas rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, nas que se investirán 250.770,83 euros. As obras serán executadas pola empresa Excavaciones y Obras Candal, que deberá completar as obras de reurbanización de varias rúas no entorno da mazá de equipamentos do Complexo Deportivo Vila de Noia, o CEIP Fogar e o IES Alfredo Brañas.

Xunto a estes proxectos integrais tamén se están desenvolvendo obras de mellora da accesibilidade en distintos barrios. Agora mesmo está en marcha unha actuación que incluíu unha serie de melloras nas zonas da Casilla, o Igrexario e A Milagrosa, nas rutas do camiño escolar do CEIP A Cristina, e que se completará coa eliminación de barreiras na rúa Vázquez de Parga, cun investimento de 153.065 euros.

Ademais, xa está en marcha a contratación dun novo proxecto para o barrio da Milagrosa e a Avenida Ponte da Pedra, cun orzamento de 216.519,94 euros procedente do remanente de tesourería para gastos xerais.