Carballo | Enterrada en Ardaña a última vítima do Covid da DomusVi de Vimianzo

1 minutes read

O brote empezou, presuntamente, nunha persoa usuaria da residencia DomusVi de Vimianzo o día 18 de decembro, tal e como informou a propia entidade. Acto seguido realízase testado de todos os residentes conviventes da unidade co positivo detectándose un total de 5 residentes positivos. Tras illar a todos os residentes nas súas habitacións, realizan un cribado PCR onde localizan 8 residentes e dous traballadores máis positivos. Tras unha nova proba xa se detectan a pasada semana 40+8 infectados.

A estas alturas contaxiáronse xa 74 persoas no centro. A maioría asintomáticos ou con síntomas leves, e o peor é que xa son tres os residentes falecidos, de momento, como consecuencia dese brote. Trátase dun home de 86 anos, unha muller de 73, e a máis recente, Celsa Remuiñán, de 84 anos.

Esta última era natural da parroquia carballesa de Ardaña, levaba varios anos vinculada ao centro, o día 20 de decembro deu positivo na proba que lle foi realizada, debido ao seu estado foi trasladada ao hospital Virxe da Xunqueira de Cee, onde faleceu este mércores ás tres da tarde. Este xoves 31 foi enterrada ás 12 da mañá no cemiterio parroquial de Santa María de Ardaña.

Convén non baixar a garda nas medidas de prevención, aínda que sexa difícil de aceptar nestas datas tan sinaladas, debemos ser conscientes do risco que supón o contaxio desta enfermidade.