Carballo evita a contaminación de 20 millóns de litros de auga reciclando aceite usado

1 minutes read
  • A veciñanza de Carballo depositou durante o ano pasado 18.303 quilos de aceite nos colectores

No ano 2018 o Concello de Carballo decidiu implantar o sistema de recollida de aceite de cociña usado, e dende os seus inicios a media mensual non parou de medrar, situándose na actualidade nos 1.317 quilos. O ano pasado, segundo os datos facilitados polo xestor autorizado que presta o servizo, a veciñanza de Carballo depositou nos colectores específicos un total de 18.303 quilos de aceite, o que permitiu evitar a contaminación de 20.133.300 litros de auga.

Nestes momentos hai 30 puntos de recollida, a maior parte distribuídos polos distintos barrios do casco urbano, e unha das vantaxes do novo sistema é que os colectores están situados na vía pública, o que permite que poidan ser utilizados os 365 días do ano e as 24 horas do día.

O aceite usado debe ir ben embotellado, e desde o concello ofrecen á veciñanza funís adaptables ás botellas que poden solicitarse, de balde e ata fin de existencias, na Casa do Concello (departamento de Medio Ambiente).