Daniel Pérez López (Erbecedo – Coristanco, 1977) asumía este sábado o bastón de mando, e polo tanto a máxima representación municipal do Concello de Carballo. Facíao nun pleno extraordinario celebrado para a ocasión ás 12 do mediodía cun salón de plenos ateigado de público, tomando o relevo a Evencio Ferrero tras 22 anos na alcaldía. Licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña, Daniel, desenvolvíu a súa carreira profesional como avogado laboralista. Concelleiro do BNG en Carballo de 2011 a 2019 e de 2023 á actualidade, é deputado pola Coruña desde o ano 2020. A semana que vén xa estará á fronte da alcaldía carballesa, e será entón cando organice e dea a coñecer os cambios no grupo de goberno, entre os que se atopan a incorporación de Daniel Barreiro como concelleiro así como o nomeamento do cargo de responsable de deportes e participación veciñal que ata o de agora ocupaba o xa actual alcalde. No seu breve discurso, Daniel subliñou que «este é un relevo para continuar o gran traballo desenvolvido nestes anos» e amosou o seu agradecemento a «todas as persoas que apostaron por este proxecto político». O obxectivo, engadiu, e seguir avanzando «para facer de Carballo un bo lugar para vivir», traballando nun «proxecto común e global para camiñar cara o Carballo do futuro».

Foto de grupo da nova corporación municipal carballesa.