- Xa están rematadas as obras da estrada de Paradela-Prearada e de Xoane-O Piñeiro
O Concello de Carballo ten en marcha catro proxectos de mellora de vías entre parroquias e núcleos rurais importantes. O investimento acada este ano os 786.630,69 euros e abrangue actuacións de aglomerados entre Xamozo (Artes) e Santa María (Ardaña), Paradela e Prearada (Sofán), Xoane e O Piñeiro (Goiáns), e entre A Canosa (Rus) e Pereiro Vello (Entrecruces).
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, percorreron este luns os máis de tres quilómetros da nova pista de Paradela a Prearada, que xa está rematada e na que tan só queda pendente o pintado das marcas viarias. Tamén se achegaron ata a parroquia de Goiáns.
Nos vindeiros días, a empresa adxudicataria dos tres proxectos, Vázquez y Reino, acometerá tamén o aglomerado da vía de Xamozo a Santa María.
En canto á estrada da Canosa a Pereiro Vello, o día 14 rematou o prazo para que as empresas interesadas presentasen as súas ofertas, e están en fase de valoración por parte da mesa de contratación.