Carballo | Normalidade, salvo algún momento puntual, tras o peche ao tráfico da ponte da Milagrosa

1 minutes read

Condutores e peóns viviron con normalidade e algunha paciencia as primeiras horas do peche da ponte da Milagrosa, sobre o río Anllóns. Unha sinalización axeitada contribuíu a que a planificación anticipada do plan de tráfico posto en marcha polo Concello amortiguase, salvo en momentos puntuais, os previsibles atascos por este peche.

Os puntos máis saturados de turismos estiveron localizados nas rotondas da rúa Fomento con Río Anllóns e tamén na da rúa Perú con Ponte e Poñente. A Policía Local realizou un arduo traballo de presenza, información e regulación do tráfico cun dispositivo especial que continuará nos vindeiros días. Aínda quedan por analizar os efectos de repercusión directa que poidan ter as feiras e mercados dos xoves e domingos, dado que se multiplica a afluencia de turismos á vila.

En todo caso, cabe ser previsible e planificar as rutas con tempo, as horas punta, a climatoloxía adversa ou as feiras, non serán un bo aliado para a fluidez do tráfico no cambio de rutas ao que se deben adaptar os usuarios, polo menos durante os próximos sete meses de obras, nas que ademais do Concello participa a Xunta, a través de Augas de Galicia.