O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou o CEIP de Nétoma-Razo para anunciar un investimento de máis de 197.000 euros para levar a cabo a reforma da cuberta.
O representante do Goberno autonómico puntualizou que con este tipo de actuacións o Goberno autonómico está a traballar para transformar e adaptar os centros educativos de toda a xeografía galega de acordo cos novos retos tecnolóxicos e ambientais “facéndoos máis confortables, seguros e sostibles”. Neste senso, engadiu que, “dende a Xunta seguimos reforzando a nosa aposta pola educación pública de calidade impulsando distintas melloras nos centros educativos dos concellos con obras de maior ou menor envergadura, de mantemento e conservación ou dirixidas a garantir unhas instalacións axeitadas e dotadas con todos os medios necesarios”.
Con respecto á obra prevista consistirá na substitución da cuberta existente por outra de paneis sándwich de chapa de aceiro galvanizado o que permitirá aumentar así o illamento térmico da envolvente do edificio, mellorando a impermeabilidade da cuberta e a seguridade do edificio.
Adxudicación obras Auditorio IES Alfredo Brañas
Trenor avanzou tamén que esta semana se adxudicaron, á empresa Osega XXV, as obras de mellora do salón de actos do instituto Alfredo Brañas de Carballo para dar resposta ás numerosas deficiencias do salón de actos.
A obra conta cun orzamento de 268.000 €, o que supera en 120.000 € a valoración técnica inicial e o prazo de execución será de dous meses e medio. Segundo os estudos técnicos, realizarase unha obra de acondicionamento e mellora do salón de actos, que contempla a instalación de apliques e luminarias para unha nova iluminación LED, a modificación das instalacións de electricidade, a preinstalación de nova megafonía, o pintado e revestimento de paredes e actuacións sobre o teito, cunha rede de protección baixo forxado de bovedilla. A actuación implicará desmontar as butacas, a luminaria e o falso teito como paso previo.