O sindicato A Alternativa, con presenza no Concello de Carballo emitiu un comunicado por medio do seu representante, Vitor Recarei Añón, no que denuncia publicamente o traslado de departamento dun axente da Policía Local, con case 30 anos de servizo, á oficina dos Servizos Sociais Municipais.
Recarei afirma que desde o Goberno se pretende vender este traslado como unha resposta ás peticións do interesado, que a finais do mes de setembro pediu que se considerase o seu expediente médico á hora das funcións fixadas na súa folla de servizo. Recarei define esta actuación como unha forma clara, flagrante e denigrante de sanción encuberta no ámbito laboral.
Engade ademais que esta resolución vulnera os máis elementais dereitos do persoal, por non ser previamente comunicada e dialogada coa persoa afectada, é que se lle notificou ao interesado o día 30 de decembro, con indicación de incorporación ao seu novo posto con data do día 1 de xaneiro, isto é, entre a notificación e a aplicación da resolución non media ningún día hábil para que o afectado poida facer ningún tipo de xestión nin buscar ningún tipo de recurso.
Estas malas artes supoñen un desprezo absoluto a un profesional con case 30 anos ao servizo do Concello, concluíu Vitor Recarei Añón.