Carballo pon en marcha ‘De landras a carballos’, con actividades infantís para participar en familia

2 minutes read

As concellarías de Igualdade e Normalización Lingüística continúan a traballar en diferentes iniciativas coas que queremos contribuír á crianza positiva, igualitaria e libre de violencias, empregando o galego como lingua de relación, expresión e afecto. Froito desa colaboración xorde De landras a carballos, un proxecto de sensibilización e acompañamento ás familias que reúne diversas propostas lúdicas pensadas para favorecer o crecemento persoal e comunitario desde o respecto, a empatía e a igualdade.

Neste último trimestre do ano vanse a desenvolver as seguintes actividades:

Emocións en movemento
17 de outubro | 18.00 h | Escolas do Xardín Agra de Caldas
Nenas/os ata 7 anos

Trátase dun obradoiro práctico, impartido pola educadora social e terapeuta de danza movemento Laura Martínez Rey, pensado para compartir en familia diversas técnicas e dinámicas de respiración e movemento a través da creatividade, que sirvan como inicio e apoio na identificación e xestión das emocións na casa. Entregaráselles ás familias material por escrito ao final da sesión. Recoméndase levar roupa cómoda.

Bolboretas
21 de novembro | 18.00 h | Escolas do Xardín Agra de Caldas
Nenas/os a partir de 8 anos

Bolboretas é un espectáculo de narración oral que mestura monólogo, palabra contada, humor e poesía. As historias de nenas e mulleres que voan alto son as protagonistas, e todo acontece dende un baúl cheo de recordos. Historias de nenas e mulleres que se adaptan ás idades do público para contar que outro mundo, sen violencia e con igualdade, é posible. E para contar esas historias estará con nós Sole Felloza, actriz, escritora e dramaturga, directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica.

Xogando sen etiquetas
19 de decembro | 18.00 h | Escolas do Xardín Agra de Caldas
Nenas/os ata 7 anos

Laura Martínez Rey ofrecerá unha proposta dende o acompañamento, a observación e a protección, que lle permitirá a cada menor desfrutar dun espazo de xogo respectuoso co fin de explorar e crear e desenvolverse libre e responsable mentres se sente coidado//a. Ademais, as familias poderán reflexionar sobre a importancia da elección dos xoguetes e do xogo, as maneiras para introducilo e xestionalo, os retos e dificultades que presenta o mercado e a necesidade de permitirlle a cada menor desenvolver os seus intereses sen limitacións baseadas en estereotipos sexistas.

As prazas son limitadas. As familias que queiran participar deberán inscribirse a través da páxina web carballo.gal.